·Os socialistas fomentarán o coñecemento do trovador medieval
Nuno Eanes Cerzeo a través de actos conmemorativos e de homenaxe.
·
Con motivo da celebración mañá do Día das
Letras Galegas, que este ano honrará a figura do historiador, escritor,
etnógrafo e político, Xosé Fernando Filgueira Valverde, nado en Pontevedra en
1906, o Partido Socialista de Lalín fai un chamamento na defensa do uso e a
dignificación da lingua galega e denuncia a marxinación e a desprotección que o
noso idioma vén sufrindo nos últimos anos froito da incomprensible política
lingüística do Partido Popular.
O candidato Socialista á Alcaldía,
Nicolás González Casares, recordou que o PP “mesmo ten argumentado falsamente
que a lingua castelá está marxinada en Galicia, cando todos sabemos que o
galego camiña cada día cara unha situación máis delicada”. González Casares
tachou de “retrógadas” as políticas lingüísticas que dende o 2009 coa chegada
de Núñez Feijoo á Xunta puxo en marcha o Partido Popular. “Unhas políticas que
desprotexen o galego e que o están facendo desaparecer mesmo en moitos espazos
da administración”, sinalou. Neste sentido o alcaldable socialista falou de
impulsar a lingua tamén dende o eido municipal a través de políticas activas e
mesmo a través de discriminacións positivas en diversos ámbitos da vida social,
educativa e de servizos públicos “que lle permitan ao idioma galego ir pouco a
pouco recuperando os ámbitos de uso que agora está a perder”.
Por outro lado, Nicolás González Casares
expuxo a proposta de homenaxear ao literato medieval nado na parroquia
lalinense de Cercio, Nuno Eanes Cerzeo. Trátase dun trovador que desenvolveu a
súa actividade literaria probablemente nos primeiros anos do século XII,
alcanzando un bo recoñecemento na época, pero sendo practicamente descoñecido
na actualidade. González Casares indicou que “trataremos de fomentar a figura de
Eanes Cerzeo dando a coñecer entre os lalinense a súa figura e a súa
obra e realizando actividades ou festexos conmemorativos e de homenaxe”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario