PSdeG-PSOE

PSdeG-PSOE
________________________

miércoles, 8 de abril de 2015

GONZÁLEZ CASARES ACUSA A CRESPO DE “FACER AGORA O PARIPÉ DENDE A FEGAMP”, PERO NON INTENTAR FREAR A TEMPO A DESAPARICIÓN DOS REXISTROS CIVÍS

  • Responsabiliza ao rexedor de non querer salvar o servizo público, tendo en conta que a medida se coñecía dende hai un ano.
  • O socialista recorda que a privatización suporalle á cidadanía pagos de entre 20 e 300 euros por trámite, ademais dos desprazamentos.
O candidato do Partido Socialista á Alcaldía de Lalín, Nicolás González Casares cargou novamente contra o Partido Popular e o alcalde, Xosé Crespo, a quen acusou de estar facendo agora “un ridículo paripé”, pero “quedarse de brazos cruzados cando se puido actuar para frear a desaparición do Rexistro Civil”.

Como é sabido, o Partido Popular decidíu privatizar o Rexistro Civil, un feito que se fará efectivo o vindeiro 15 de xullo, mermando así, segundo os socialistas, a calidade dos servizos públicos, ademais de impórselle aos cidadáns o pago por uns trámites que ate o de agora se podían levar a cabo de forma gratuita. Así, tal e como recordou Nicolás González Casares, o Partido Socialista leva tempo denunciando esta medida dende todos os ámbitos institucionais, mentras que o alcalde de Lalín e o PP actuaron facendo oídos xordos. Por este feito e, tras a recente aparición de Crespo desaprobando a decisión, o candidato dos socialistas volveu cargar contra o PP e contra o rexedor lalinense. González Casares culpou a Crespo de non facer nada para evitar o cese do Rexistro Civil e recalcou que “por moito que agora diga dende a Fegamp ou dende o Concello, a culpa desta situación tena el, pois estaban alertados dende hai un ano e non quixeron actuar”. Por este motivo o socialista considera absurdo “que agora Crespo veña facendo o paripé” e solicitoulles ao rexedor e ao PP que recoñezan a súa responsabilidade de non querer salvar os rexistros, aseverando que “pola súa culpa van ter que pagar todos os cidadáns”.

Neste sentido, Nicolás González Casares sinalou que a medida privatizadora promulgada polo PP, que deixará en mans de rexistradores da propiedade os trámites anteriormente efectuados polo Rexistro Civil, establece un novo copago que afectará a toda a cidadanía. Así, recordou que rexistrar un nacemento, unha defunción, ou efectuar unha fe de vida terán agora un custo de entre 20 e 300 euros, ademais dos desprazamentos, o que afectará de forma especial aos pensionistas. Ademais sinalou que a privatización do seervizo non terá soamente consecuencias económicas, senón que tamén influirá na privacidade das persoas, xa que os datos persoais serán manexados por uns poucos rexistradores que hai en España, no cando de ser xestionados por milleiros de funcionarios públicos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario