PSdeG-PSOE

PSdeG-PSOE
________________________

sábado, 1 de marzo de 2014

Moción presentada no concello



Os concelleiros do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no concello de Lalín abaixo asinantes,  presentan ó Pleno para o seu debate e aprobación se procede a seguinte
Moción

En xullo de 2004 iniciábase o proceso de adaptación do PXOUM de Lalín á Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, adxudicando  a contratación dos correspondentes traballos a unha  asesoría externa (a empresa Urbam) para que, entre outras cousas, levase a cabo  una ronda de contactos veciñais pola zona rural previos á elaboración do correspondente documento.

Creouse incluso  unha Comisión de Seguimento, segundo declaracións do propio concelleiro de urbanismo  para “garantir a maior transparencia no desenvolvemento dos traballos e para tentar conseguir un amplo acordo social”, pero non chegou a reunirse mais de 3 ou catro veces e en calquera caso, na práctica, non tivo  ningunha participación nin moito menos control algún sobre o proceso.
Sucesivamente no tempo,  decisións unilaterais do Grupo de Goberno decidiron nun primeiro momento (novembro do 2007) paralizar esta adaptación  “ante a situación de incerteza que se vive na actualidade polo proceso de revisión da lei do Solo da Xunta”, e nun segundo momento  (agosto do 2011) aprazar dita adaptación “sine die”, segundo eles “ata que se recupere a actividade urbanística do concello” (argumento que mais ben podía utilizarse para o contrario: os cambios urbanísticos supoñen case sempre a suspensión de licenzas, o que pode provocar moitos prexuízos cando hai moita demanda  construtiva e en cambio non afectar se realmente non se constrúe).
O 4 de febreiro pasado, como xa non queda nada que vender ós veciños,  presentábanse publicamente a bombo e pratillo, os 15 anos de vixencia do PXOUM; a presentación foi feita polo Sr. Alcalde e o concelleiro de urbanismo, acompañados polo asesor urbanístico, precisamente socio fundador e director de URBAM a empresa adxudicataria da adaptación polo momento fallida e asesor urbanístico do concello nos últimos 15 anos (a pesar da inactividade urbanística pola que xustificaba o Grupo de Goberno o aprazamento sine die da adaptación). Todo foron bendicións para o PXOUM, pero nin a mais mínima mención a súa falta de adaptación á Lei do solo galega, nin por suposto á todo o diñeiro que se gastou inutilmente.
Esta adaptación ía a permitir –entre outras cousas- corrixir o desaguisado que se fixo no seu día coa delimitación dos núcleos rurais absolutamente irreais e sen consensuar nin o mais mínimo cos veciños de cada lugar. Despois de ir prometendo lugar por lugar unha nova delimitación dos núcleos e deixar que os veciños  a debuxasen ó seu antollo, nunca mais se soubo da adaptación do PXOUM 10 anos despois do seu comezo, e o resultado, -entre outros efectos perniciosos-  é que os veciños do rural están pagando como solares fincas que nunca van a construír, e en cambio, onde queren construír non poden por que está fóra da delimitación actual dos núcleos.
Por todo o exposto, os concelleiros que subscriben solicitan ó pleno deste concello, ó abeiro dos artigos 104 e 105 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das Entidades locais,  a adopción do seguinte  acordo:

Comparecencia da Alcaldía e/ou do Concelleiro Delegado de Urbanismo para explicar que pasou e que vai a pasar coa adaptación do PXOUM de Lalín á Lei galega, que prexuízos está causando ós veciños e canto diñeiro público se gastou en dita adaptación, así como para contestar a todas as preguntas que se lle formulen sobre o asunto. 


Manuel González Aller        Cristóbal Fernández Vázquez         Francisco Pérez Donsión

No hay comentarios:

Publicar un comentario